Somos froito da nosa historia e da nosa relación co mundo. O actual Estatuto é fillo dunha Transición amañada e neto dunha República que nos fixo merecedores do termo "nacionalidade histórica". Non vivimos illados no mundo. Sempre ollamos cara a outros países, cara a outras situacións semellantes. Xa a Xeración Nós admiraba o exemplo irlandés, ou mesmo antes, Alfredo Brañas con aquel "Galiza, coma en Irlanda, levántate e anda". Hai máis exemplos de nacións sen estado á procura dun maior poder político, temos moitos compañeiros de viaxe. Están as veciñas Cataluña e Euscadi, na vangarda da reivindicación nacionalista no Estado español, a quen tantas veces seguimos. Están, asemade, Gales e Escocia, países celtas aínda en proceso de despegue grazas á súa recente ‘devolution’. Ou o Québec, a nación francófona que segue a teimar nos seus intentos de independencia.
É importante coñecer o contexto histórico, os antecedentes, na procura dun Estatuto para o futuro. É importante saber doutros procesos, para atoparmos mellor o noso propio camiño.