Desde que en 1282 o príncipe Llywelyn foi asasinado polas tropas de Edward I, logo de anos de batallas, e Gales pasou a ser un simple principado inglés, este pequeno país celta non recuperou nin unha soa cota de poder ata 1997, cando os pro-‘devolution’ gañaron pola mínima o referendo a prol dun parlamento propio.
A victoria foi posible grazas á chegada ao poder do laborista Tony Blair, que lle prometera autonomía a Escocia, Irlanda do Norte e Gales. E nesta ocasión (rexeitárona en 1978 con só o 11,8% dos votos a favor) os galeses non o desaproveitaron: o 18 de setembro de 1997 o 50,1% dos votantes dixeron "si" á Asemblea.
O 6 de maio de 1999 celebráronse as primeiras eleccións, gañadas polo Partido Laborista (con 29 escanos, polos 17 dos nacionalistas de Plaid Cymru, 9 os ‘tories’ e 6 os liberais), e o 26 de maio inaugurouse oficialmente a Asemblea Nacional de Gales en Cardiff. Sen embargo, o poder "devolto" por Westminster foi escaso para os galeses, sobre todo en comparación coas competencias cedidas á veciña Escocia.
Mentres o Parlamento escocés pode derogar lexislación británica ou introducir leis novas en áreas non retidas por Westminster, a Asemblea Galesa só pode modificar leis británicas en determinadas áreas. Basicamente, o que se fixo foi democratizar as xa existentes funcións da Secretaría de Estado para Gales, que non inclúe a posibilidade de modificar os impostos, como no caso escocés, nin participar en reunións importantes da Unión Europea.
A Asemblea Galesa ten poderes para crear lexislación secundaria referida ás seguintes áreas: desenvolvemento económico, agricultura, pesca, industria, educación, goberno local, sanidade e servizos sociais, medioambiente, patrimonio, vivenda, deportes, arte, cultura e a lingua galesa. Sen embargo, estoutras cuestións continúan dependendo de Londres: taxas, políticas macroeconómicas, política exterior e defensa, seguridade social, policía e xustiza.