Cataluña vén de celebrar o 25 aniversario do Estatuto de Autonomía cunha idea compartida pola totalidade do seu arco parlamentario: a norma está esgotada e cómpre actualizala. Aprobado en referendo o 25 de outubro de 1979 co 88,1% dos votos favorables (participación do 60,5% ), o actual Estatuto foi ratificado no Congreso e no Senado, non sen antes facer un importante recurte de competencias, e promulgado o 18 de decembro dese mesmo ano.
O Goberno catalán vén de abrir, apoiado por todos os partidos, un proceso de reforma estatutaria para ampliar o seu teito competencial. O bosquexo do Estatuto de Autonomía, redactado polo Institut de Estudis Autonómics creado pola Generalitat, entrou o día 10 de novembro na comisión creada polo Parlament para debater o texto definitivo. Os puntos ‘quentes’ da ponencia son o dereito de autodeterminación, a definición de Cataluña como nación, o concerto económico e o dereito das seleccións deportivas a competir internacionalmente.
No fondo da cuestión, o tema principal que subxace é o intento de crear unha norma que estableza unha relación bilateral co Estado, superando o "café para todos" do actual sistema autonómico. Esta opción é a respaldada por CiU, ERC e ICV, mentres que o PSC de Maragall mantén unha posición ambivalente, seguramente debida ao temor de provocar unha revolta por parte dalgunhas autonomías contra o Goberno de Zapatero. O PP catalán, entrementres, é partidario de manter o ‘statu quo’ autonómico.
Como tema básico desta relación bilateral, tanto nacionalistas como ICV reclaman un concerto económico similar ao de Euscadi e Navarra que lle permita a recadación de todos os seus impostos, a negociación dunha cota a pagarlle ao Estado e a capacidade normativa sobre os tributos.
Ligazóns