O traballo de redacción do proxecto de novo Estatuto estrutúrase en varias comisións formadas por un equipo de expertos en cada tema. Cada área irá elaborando cadanseu documento, que se irá poñendo en común ao resto do grupo, pero tamén se distribuirá para a súa discusión nesta web. Calquera persoa pode presentar unha proposta en calquera das áreas. Todas serán tidas en conta.
Deste xeito, os redactores irán adaptando as súas propostas ata chegar a un documento base, que será presentado para a súa discusión entre os coordinadores a mediados de decembro de 2004. Unha vez chegados a este punto, tratarán de axeitar os diferentes textos para encardinalos nun proxecto común que faga compatibles e coherentes cada unha das achegas das comisións.
As conclusións definitivas dos diferentes equipos serán presentadas e debatidas nunhas xornadas, abertas ao público, que terán lugar en xaneiro de 2005. Esta sería a última posibilidade de facer achegas por parte de calquera particular ou asociación.
O último paso deste proceso é a conversión do texto definitivo nun texto estatutario articulado, que será elaborado por un equipo de xuristas.