Penso que un novo estatuto debería contemplar os seguintes puntos:
- O Patrimonio Cultural de Galicia é o froito da historia, da investigación e do traballo de tódalas xeracións precedentes de galegos e, como tal, temos a obriga de preservalo, valoralo, acrecentalo e difundilo.
- O Patrimonio Cultural de Galicia está formado por todos aqueles bens de carácter material oun inmaterial, sexan de natureza histórica, artística, arqueolóxica, etnográfica, científico-técnica, etc., que conforman a herdanza cultural do pobo galego.
- O Patrimonio Cultural de Galicia debe ser protexido e posto en valor por tódalas institucións e organismos competentes, implicando neste proceso a investigadores e profesionais independentes que garantan a obxectividade, a adecuación e a imparcialidade das accións que se acometan.
- O Patrimonio Cultural de Galicia sofre un proceso de constante evolución e acrecentamento, polo que as institucións e organismos competentes deberan poñer especial atención no seguemento destes procesos e na promocións dos factores -formación, divulgación, información, investigación- que permitan á sociedade actual elaborar novas achegas ó noso Patrimonio Cultural.
- O Patrimonio Cultural de Galicia está constituido por unha serie de bens que en moitos casos, tanto pola súa propia natureza como polas súas circunstancias históricas, resultan especialmente sensibles a intervencións e modificacións do seu contexto. As institucións e organismos competentes deberán poñer especial coidado na preservación destas condicións e, no seu caso, na súa mellora, así como na documentación sistemática do Patrimonio Cultural de Galicia de cara ó futuro.