Foro Novo Estatuto

Propostas de ADEGA

Unha carta de: ADEGA
[01/12/2004]

ALGUNHAS PROPOSTAS DESDE ADEGA

De seguido recóllense algunhas propostas concretas de artigos para o novo Estatuto de Autonomía de Galiza.

Preámbulo

- Art. ?: Galiza é unha nación.

-Art. ?: A cidadanía galega decide constituírse en Comunidade Autónoma do Estado español.

- Art. ?: Quen hoxe conformamos a cidadanía galega, sabedores de que non somos nen os únicos nen os últimos habitantes tanto do territorio que abranxe a nosa nación como do conxunto do planeta, conscientes de que o noso modo de vida ten consecuencias no espazo e no tempo, decidimos autoorganizarnos para a convivencia, e, polo tanto, fundamentar as institucións surxidas do noso autogoberno nos valores que seguen: liberdade; xustiza; igualdade; solidariedade; paz; dignidade; recoñecimento da diversidade de homes e mulleres, cultural, de opcións sexuais e de tipos de familia; e respeito polos demais seres, humanos e non-humanos, de hoxe e de mañá, cos que compartimos terra e planeta.

- Art. ?: O Goberno galego asume o compromiso de contribuír para a procura dunha saída emancipatoria á crise ecolóxica global, e fai seus os compromisos internacionais para evitar o cambio climático e defender a biodiversidade, adoptando os principios da sustentabilidade ecolóxica para o modelo de desenvolvimento de Galiza.

- Art. ?: O Goberno galego promoverá o avanzo na soberanía alimentar de Galiza.

- Art. ?: A cidadanía galega expresa o seu compromiso co desenvolvimento dunha orde internacional baseada nos direitos humanos, na extensión dos direitos sociais a todo o mundo e nunhas relacións económicas que permetan viver dignamente ás xeracións actuais e futuras.

- Art. ?: A cidadanía galega rexeita a guerra e todas as formas de violencia. O Goberno galego promoverá os valores do diálogo, a paz e a resolución pacífica dos conflitos.


Direitos

- Art. ?.1: A cidadanía galega ten direito a participar plenamente na decisión sobre as cuestións que afecten á vida pública en todos os ámbitos. ?.2: A relación da cidadanía coa administración das institucións galegas estará baseada na honestidade e a transparencia. ?.3: O Goberno galego promoverá a participación cidadá.

- Art. ?: A cidadanía galega actual, e as xeracións futuras, teñen direito a gozar dun contorno natural saudábel, da seguranza alimentar e da cualidade de vida que disto se deriva, e o deber de garantir que isto sexa posíbel.

- Art. ?: Todos os seres vivos habitantes do territorio abranxido pola Comunidade Autónoma de Galiza teñen direito a viver e morrer dignamente.


Institucións

- Art. ?.1: Unha lei do Parlamento de Galiza criará e organizará a institución d@ Valedor(a) da Terra e as Xeracións Futuras. ?.2: @ Valedor da Terra e as Xeracións Futuras é un alto comisionado do Parlamento galego, designado por este por maioría cualificada, para a defensa da biodiversidade, a sustentabilidade ecolóxica, a vida e morte en dignidade dos seres vivos humanos e non-humanos habitantes do território abranxido pola Comunidade Autónoma de Galiza, e todos cuantos direitos ambientais sexan recoñecidos nesta nación. ?.3: @ Valedor(a) da Terra e as Xeracións Futuras supervisará a actividade da Administración, dando contas ao Parlamento.

- Art. ?.1: A cidadanía galega declara o territorio abranxido pola Comunidade Autónoma de Galiza Zona Non-Nuclear. ?.2: A política enerxética basearase na sustentabilidade ecolóxica, a xustiza social e o equilibrio territorial, así como na procura dunha autosuficiencia enerxética de Galiza baseada nas fontes renovábeis. ?.3: O Parlamento galego aprobará un mapa das áreas susceptíbeis e non-susceptibeis de ser explotadas enerxeticamente seguindo un rigoroso criterio de sustentabilidade ecolóxica e defensa da biodiversidade.

- Transformación do Consello Económico e Social nun Consello Económico, Ecolóxico e Social, marco amplamente participativo e vinculante de definición dun modelo de desenvolvimento humano de Galiza baseado na sustentabilidade ecolóxica, a xustiza social e o equilibrio territorial.

« Voltar

 

© 2004, FORO NOVO ESTATUTO