Aportacións de Nova Escola Galega a Foro Novo Estatuto
1.- A política educativa debe ter como obxectivos principais:
a) Formar cidadáns cultos, solidarios, críticos e con capacidade para intervir na sociedade e transformala.
b) Considerar a educación como un proceso que dura toda a vida.
c) Proporcionar igualdade de oportunidades pero tamén facilitar as condicións que teñan como meta conquerir a igualdade de resultados.
2.- Sistema educativo flexible que posibilite diferentes graos de autonomía segundo os distintos niveis do mesmo e a posibilidade de adaptación a cada contorno. A Lei estatal será un marco xeral, de obxectivos mínimos, (consensuado coas distintas comunidades autónomas) dentro do cal o goberno galego poida desenvolver todas as competencias educativas mediante unha lei educativa propia. Debe posibilitarse un modelo de consenso coas administracións municipais en determinados aspectos e competencias educativas que estas asuman.
3.- Débese contemplar a organización en zonas educativas ( comarcais ou municipais), nas que se facilite a coordinación entre centros, a articulación de proxectos educativos comúns, a dotación de servizos especializados, a creación de consellos escolares comarcais... Serían un estadio intermedio entre as competencias dos centros e autonómicas, con capacidade para planificar aspectos como : horarios, matriculación e escolarización, rede escolar...
4.- É necesario o establecemento dun plano específico de atención ó ensino no medio rural e que teña presente a necesidade de dotar con máis recursos ós centros con máis necesidades. O centro debe contemplarse como dinamizador sociocultural do contorno: Biblioteca, actividades deportivas, etc.
5.- Formación do profesorado. En canto á formación inicial, debe establecerse cales serían as competencias profesionais que deben reunir tanto na formación científica e cultural como na pedagóxica. Debe partirse da necesidade dunha titulación idéntica para o acceso a calquera dos niveis educativos e estruturada en tres apartados: licenciatura, formación pedagóxica e fase de prácticas en centros.
Na formación permanente, a administración debe primar o facilitar as iniciativas de formación propostas polo profesorado priorizando os programas ligados ós proxectos educativos de centro ou de zona e a comunicación e intercambio de experiencias entre centros e profesionais.
6.- Estatuto galego do profesorado que recolla de xeito unificado os dereitos e deberes do mesmo, mobilidade,promoción profesional, sistema de acceso, atención especial á incorporación ós centros do profesorado novel, etc.
7.- Definición dun currículo básico e común que proporcione os saberes indispensables para que o alumnado poida realizar o seu proxecto de vida. Debe atender ás seguintes condicións:
- Existencia dun certo marxe de autonomía para cada centro en canto á elaboración do seu PEC en colaboración coas entidades do contorno participantes no Consello Escolar.
- Sobre todo nos niveis básicos, superar o marco estrito das asignaturas centrándose nos problemas máis próximos ó alumnado.
- Atención á diversidade nos distintos niveis con especificación e dotación de recursos de todo tipo.
8.- A avaliación debe ser cualitativa, ligada á avaliación do centro, que atenda ós procesos utilizados en relación coas necesidades educativas do alumnado e do contorno próximo e que axude a melloralas. A avaliación é unha reflexión sistemática e colectiva sobre os distintos elementos do sistema, dende os máis concretos relacionados cos procesos do ensino ata os máis xerais relativos á Administración e xestión do sistema educativo. A referencia debe ser sempre o proxecto educativo e os criterios do proceso avaliador deben decidirse previamente de forma participativa e consensuada entre os representantes da comunidade educativa e as asesorías externas. Introducirá propostas de e mellora que comprometan tamén á Administración.
9.- Aposta decidida polo modelo de escola pública, entendida como tal non solo a financiada con diñeiro público senón a que ten titularidade e xestión públicas. Os fondos do Estado deben utilizarse na articulación dunha rede de centros que garante un ensino de calidade para todos e todas. Os centros públicos deben estar dotados dunha serie de servizos complementarios: comedores escolares, transporte, servizo médico e asistencia social, materiais curriculares gratuítos, etc.
10.- Dous aspectos básicos a contemplar como eixes básicos son:
- A coeducación como elemento transmisor de valores de igualdade e contra a discriminación e violencia machista.
- A laicidade. A educación en valores debe ter como referencia os dereitos humáns. O coñecemento do feito relixioso ten o seu lugar nas áreas de filosofía, historia, arte... e a catequese non ten lugar na escola quedando reservada ó ámbito privado ou lugares de culto.