Foro Novo Estatuto

Sobre o cine galego (Mabel Rivera)

Unha carta de: Mabel Rivera
[02/03/2005]

Sempre mirei o cine como espectadora.Vivín moitos anos así, feliz na miña ignorancia: como ía saber eu que para facer películas tan bonitas tiña que haber clústers e film comissions? Na miña simpleza, tamén tiña clarísima a orixe das películas. Por exemplo, o cine no que aparecía Marisol, ou que exaltaba os valores patrios, ou no que saían cantantes de bulerías ou de jotas aragonesas, raro era que non fose español. As pelis con vaqueiros galopando no medio dunha escorrentada, en chairas inmensas e con música de Marlboro, non me preguntes por que, pero nunca dei en pensar que fosen e cine ruso, e como aparecese John Wayne, a cousa estaba cantada. Miña nai era a especialista da familia nas de arte e ensaio: “É desas raras” dicía, e xa nos situabamos rapidamente. E cando aparecía Yves Montand fumando coma unha cheminea (o do fume ela relacionábao moi acertadamente cos existencialistas), saltaba miña nai: “Ese ten cara de francés”. Deixábanos abraiados. Mesmo distinguía os franceses dos rusos, que xa hai que ter talento. Logo decateime de que esa habelencia súa tampouco era tan rara. Os espectadores percibimos estas características como algo propio das filmografias dos distinto lugares: temáticas, colores, ritmo, música...son outros tantos sinais de identidade, entre os que ocupan un lugar destacado “el chico”, “la chica” e, ainda que non tanto, tamén o director.

Despois está o que non se ve, pero que “se nota” moito (os cartos da producción). Aí nunca me deu por preguntarllee a miña nai, pero seguro que había compartircomigo a inxenua idea de que cada quen pagaba o seu; un supoñer: cine italiano era o que, ademais de neorrealismo, levaba cartos italianos, e xa estaba.

Cando os espectadores ven cine galego, en que sinais de identidade o recoñecen?. Podería ser, por exemplo, na inequívoca marca dalgún cineasta do país?; os equipos técnicos que aparecen nos créditos, cos seus xefes á cabeza, arroupando con solidez o traballo deses directores, son, cando menos algúns, recoñecidos galegos,tiveron oportunidade de adquirir boa formación e competencia no seu traballo dentro de Galicia?; hai unha presenza nas salas comerciais que permita falar ( que permita que os espectadores falen) de cine galego como algo habitual nas pantallas, cando menos nas de Galicia?; como galegos, percibimos que o noso cine recolle aspectos da nosa sociedade ou da nosa idiosincrasia que non sexan os meramente paisaxísticos?; cine galego implica industria cinematográfica galega, non?, pois ben: esta industria cinematográfica permite que o cine galego fale galego?; é esa mesma industria a que considera que os actores (máis aínda, coma sempre, no caso das actrices) galegos non somos un “valor de mercado”?; apostan firmemente as nosas produtoras por contrarrestar esta idea?; tan baixo valor nos outorgan tamén os nosos compañeiros directores como para contar, case invariablemente, con protagonistas de fóra de Galicia, ou tamén eles ven limitada a súa creatividade por imperativos da industria?; o cine galego é galego (pagado con diñeiro galego)?;...

Despois de todos estes anos, sigo mirando o cine (galego) dende a butaca.
E eu pensando que podía ser John Wayne.

Mabel Ribera
Actriz

« Voltar

 

© 2004, FORO NOVO ESTATUTO