Foro Novo Estatuto

PELI GALEGA (Rosa Castro)

Unha carta de: Rosa Castro
[02/03/2005]

Fálase de "cine galego", xeralmente, cando se dan todas ou algunha das seguintes condicións. Inicialmente parece que o capital aportado na producción é o criterio de base para algúns. Deste xeito fálase de filmes galegos cando alomenos, creo recordar, un trinta por cento do capital é galego. Hai quen esgrime que non, que ese é un criterio meramente industrial, e que a conditio sine qua non para falarmos de peli galega a lingua de partida no guión, e logo na rodaxe, ten que ser a galega. Hai quen se estira un pouco máis e apunta que se podería falar de cine galego se as nosas pelis tivesen unha estética propia. Neste sentido recúrrese ó exemplo do cinema francés, ou mesmo basco e catalán, porque, disque, teñen estética de seu. E, en cambio, seica, a estética galega aínda está por construir. Seguramente todas estas condicións son necesarias para falar de cine galego. Pero teño a sensación de que se está falando da casca e esquecendo o ovo. Unha peli –máis alá da pasta, do idioma en que se narra e do look- é unha historia que para ser contada en imaxes, necesita pasta, un idioma e un look, adxectivos todos eles que nos fan perder de vista o verdadeiramente sustantivo: a historia. Creo que máis que de cine ou pelis galegas deberiamos falar de historias galegas. Creo que é aí, na propia historia, onde está o ADN que nacionaliza –ou non- o producto.

Como guionista interésanme as historias. E máis que as historias, os conflictos. E máis que os conflictos, os personaxes que os sustentan. E máis cós personaxes, a mentalidade que os move (ou paraliza), todo aquelo que os leva a actuar ou a cruzarse de brazos. Porque son eles, os personaxes, os que finalmente moven os fiíños do entramado que eu lles tecín. Non coñezo outra maneira de levar adiante unha historia se non é apoiándome nos personaxes e, en moitos casos, deixándome levar por eles. Dedícome a crealos coa egoista intención de que, a cambio, me dean a historia resolta. Que vivo deles, vaia... Só desta maneira fun capaz –algunha vez, creo- de escribir algo orixinal. Porque os conflictos son universais, ou eso din; o único que os fai distintos é o tratamento que se fai deles. ¿E quen está debaixo do tratamento? Os personaxes que impulsan a acción. E toda esta parrafada para dicir que se hai algo que define a un personaxe é o lugar onde medra. Ante un mesmo conflicto estou case segura de que non reaccionan igual os ingleses cós rusos nin cós galegos. Non quero resucitar aqueles chistes fáciles de "Un galego, un catalán e un galego van nun barco e... " que cadaquén contaba a seu favor dependendo de cal fose a súa nacionalidade. Pero paréceme que debaixo deses chistes fáciles atópase algo moi importante: que, efectivamente, cadaquén ve a realidade dependendo do cristal que o seu país lle pon diante dos ollos no mesmo instante de nacer, e que lle vai graduando a medida que medra. Estaremos diante dunha peli galega cando os personaxes actúen e pensen como galegos, facendo polo tanto dun conflicto calquera algo senlleiro. E non hai que ter medo a non ser entendidos máis alá de Pedrafita. ¿Ou é que os galegos non entendemos que os americanos, despois dun funeral, fagan unha especie de convite para os asistentes e rían moito?. ¿De verdade que en América non entenderían que un fulano de Cospeito se deixase matar –ou matase- por un ferrado de monte plagado de toxeiras?. O cine, o bo cine, galego ou non, ten ese marabilloso don de identificarnos co que alí se nos conta, nos resulte próximo ou lonxano. Claro, desde esta perspectiva, parece que estou varrendo para a casa e apuntando a idea de que só poden escribir historias galegas os guionistas galegos porque, en teoría –a práctica é outra cousa- seriamos os únicos que sabemos captar e, polo tanto, reflectir esa retranca... ese sentimento cósmico da terra... ese aquel de raza... ou calquera outro aspecto do ser galego. Quizais nalgún momento cheguei a pensalo, pero tivo que vir un tal Amenabar amolarme a teoría. Así que cambio de idea, e agora digo, que historias galegas –ou rusas ou inglesas- pode contalas calquera con sensibilidade abonda para captar e reflectir a impronta que deixa un país no carácter das persoas. Vaaaaleeeee... admito que un de fóra conseguiuno, pero non asumo que os de dentro non sexamos capaces... aínda que, polo visto, non nos puxemos a elo.
A outra cara da moeda venme de volta: respondendo os personaxes á singularidade do ser galego, ¿hai peli galega se a historia está contada en castelán, por actores non galegos e sen capital galego?. Como boa galega, só podo contestar con outra pregunta: ¿Son novelas galegas "Los pazos de Ulloa", "Los gozos y las sombras", "Divinas Palabras", etc, etc, etc...?

Non teño datos sobre cantas películas galegas se fan ó ano. Nin me interesan. Teño ollos e cerebro para procesar o que os meus ollos vén. De cando en vez paseo os ollos pola carteleiras e ó cerebro ilumínase cun estímulo potente: ¡peli galega!. Quieta... Aí só pon que a coproduce unha empresa galega, que hai un par de actores con nome galego e media ducia de escenarios galeguísimos de la muerte. Ah, e tamén pon V.O en galego. ¿E paréceche pouco, nena? Máis galega imposible... Por favor... Logo entras na sala, cóntanche unha historia universal, os actores galegos compórtanse coma se fosen do mesmísimo Chamberí, e os escenarios... Ese debe ser Combarro, ¿non? E será... É o único que sae... ¿E aquela non é a praia das Catedrais? Ai, mira, mira... a Costa da Morte... Santiago... A Torre de Hércules... E cágate lorito: o aeroporto de Alvedro. Ala, xa temos o tinglado montado. Xa temos peli galega.

Santiago, 16 Nadal 2004

ROSA CASTRO, guionista.

« Voltar

 

© 2004, FORO NOVO ESTATUTO