Cando me pediron que expresase a miña opinión sobre qué se pode considerar como audiovisual galego, empezaron a cruzarseme na cabeza unha morea de conceptos como: identidade cultural, nacionalidade, denominación de orixe, excepción cultural, subvencións....
Ata este momento non me decatara de que non teño unha postura clara e perfectamente definida. Aínda que creo que estou dentro dun amplísimo grupo.
Pero.... existe realmente a necesidade e, sobre todo, a vontade de definir o que é o audiovisual galego?
Creo que un dos aspectos que condicionan a complexidade de dar unha definición exacta é que o cine é unha industria ademais de ser cultura. Se falamos de "cultura galega" creo que para a maioría é doado acadar unha definición obxectiva do mesmo xeito que se falamos de "industria galega"
Pero o caso do audiovisual é un compendio das dúas cousas ¿Qué lado pesa máis?
Do mesmo xeito que cando non coñecemos a definición dunha palabra concreta, buscamos no diccionario, intentei buscar algunha definición específica sobre este tema e ocorreuseme ver qué se considera unha película española.
No caso de España, o certificado de nacionalidade española dunha obra audiovisual otorgao o ICAA (Instituto de la Cinematografía y las Artes Audiovisuales) que depende do Ministerio de Cultura, e para conseguilo hai que cumprir certas condicións
a) Que a empresa de producción sexa española
b) Que os autores e, polo menos, o 75% do persoal ( técnicos e actores ) teñan nacionalidade española
c) Que a versión orixinal da película estea rodada nalgunha das linguas oficiais do Estado Español
d) Que a rodaxe (salvo que o guión esixa o contrario), a post-producción e a tirada de copias se fixeran en España.
e) No caso de películas coproducidas con outros países, o cumprimento das normativas específicas relativas á coproducción. No fundamental, estes requisitos fan referencia á residencia do persoal creativo e técnico e dos servicios contratados, ás aportacións materiais e financieras mínimas e máximas dos coproductores e ó necesario mantenento dun equilibrio nas aportacións dos diferentes países.
No caso de Galicia, o certificado de nacionalidade galega dunha obra audiovisual non o expide ningún organismo ( mal que nos pese.... ¿ou non? ) e para conseguir unha subvención hai que cumprir uns requisitos similares ós do ICAA aínda que infinitamente menos esixentes ( mágoa! ).
Na miña opinión é necesario que exista unha catalogación clara e firme por parte da administración pero, neste cúmulo de tecnicismos hai algo que se nos escapa. O que eu chamaría o "espíritu" ou mellor "el toque de la casa"
Estou completamente de acordo co que di a xenial Mabel Rivera nun artigo que escribiu para a revista da Academia Galega do Audiovisual, en que existen outros sinais de identidade nas obras audiovisuais, como poden ser a temática, o ritmo, as cores, as músicas... que fan que calquera que ve unha película, por exemplo, iraní, chinesa ou indú, se decate en seguida, sen necesidade de escoitar nin unha palabra dos diálogos, de que existen outros cines fora do americano.
Dame o corpo que ahí está a clave.
Teño un curmán andaluz que sempre me dí: "En cualquier parte del mundo se reconoce a un gallego porque hablais cantando" ¿Que haberá que facer para que a "musicalidade" do noso audiovisual nos identifique?
Haberá que seguir dándolle voltas.....
María Liaño Español
Xefa de producción