Foro Novo Estatuto

Portugal como opción estratéxica

Unha carta de: Xosé Manuel González Pérez
[01/12/2004]

PORTUGAL COMO OPCIÓN ESTRATÉXICA

Razóns e bases
Hai algún tempo, a administración autonómica extremeña anunciou o seu obxectivo de significarse politicamente como ponte entre España e Portugal. Para tal efecto, a máis doutras medidas que non coñezo, decidiron fomentar de maneira importante a ensinanza da lingua portuguesa nos centros educativos dependentes da Junta.
Por veces, sobardando o manto da desinformación, xorde ante os ollos de quen queira vela algunha mostra inequívoca do absurdo que planea sobre a concepción e implementación da política galega, tal e como a orientan as forzas actualmente rectoras. Unha delas é a devandita: Extremadura quere ser ponte entre ambos estados ibéricos; en Galicia, a presenza da lingua portuguesa no ensino secundario é escasísima e, en todo caso e en xeral, débese a iniciativa particular dalgúns departamentos didácticos de Lingua Galega e Literatura.
Portugal é, na súa orixe, emanación política da antiga Gallaecia ou, se se quere, un reino fundado por galegos, galegos da Galiza portucalense. É verdade que isto fica lonxe no tempo (van aló case novecentos anos) e o que veu despois propiciou moito afastamento e incomprensión mutuos. Pero tamén o é que o contacto, a interrelación e unha certa noción da antiga unidade duraron; hai trazos culturais, sociolóxicos e mesmo psicolóxicos que nos achegan; a semellanza lingüística –incluíndo un alto grao de intercomprensión- é tan notoria coma indiscutida.
Tras séculos de guerras –onde Galicia participou no bando que lle tocou, máis ca no que lle conviña-, na Idade Contemporánea nace en certas elites –fundamentalmente galegas- o interese por reanudar vellos lazos nunca de todo perdidos. Tema literario no Rexurdimento, cultural de fondo alento con Nós e xeracións galeguistas e nacionalistas posteriores, intensifícase o contacto nas últimas décadas do século XX, supera o estreito límite das primeiras minorías, vólvese social e mesmo empresarial. Xorden tamén as primeiras hipóteses prácticas de conexión política, e cristalizan instancias coma o Eixo Atlántico e a proxecta eurorrexión Galicia-Região Norte.
Por razóns históricas, a relación Galicia-Portugal é necesidade; pola sincronía actual, unha das cousas que máis nos conveñen. Portugal constitúe opción estratéxica para Galicia, un dos polos ou pancas fulcrais para a nosa proxección internacional e inserción no mundo. A proximidade –en máis dun sentido- e nomeadamente a cercanía lingüística así o indican, así o propician. Debemos buscar o establecemento de relacións con Portugal como país, non exclusivamente cunha parte (a Região Norte), por moito que esta pertencese no seu día á Gallaecia; realidade histórica esta que, por outra banda, non é a que máis pesa no proceso que actualmente as elites económicas e maila administración galega parecen ter na mente.

Posibilidades e marco
Son consciente de que cuestións coma esta encontran campo máis nos proxzectos políticos, no deseño e acción de goberno, ca no marco lexislativo. Así e todo, é transcendente dabondo coma para figurar dalgún modo contemplada no Estatuto.
Trataríase de reflectir a súa importancia permanente e, asemade, pór bases de actuación para os próximos anos ou décadas.
A perspectiva da presente proposta é máis "realista" ca ideolóxica. Sunténtase, xaora, nas concepcións do propoñente; pero procura puntos realizables, asumibles desde diferentes posicións políticas e, particularmente, para o conxunto da sociedade galega actual ou, cando menos, maiorías significativas. Non está ausente dela o sentimento; pero incide moito máis na conveniencia.

Algunhas propostas concretas
Os aspectos particulares aludidos a partir de aquí non pretenden, xaora, constituír nin proceder de estudo exhaustivo. Son cuestións precisas que poden dar lugar a debate e, evidentemente, ampliación ou desenvolvemento. Por outra banda, quen subscribe ten formación humanística e iso, notoriamente, desequilibra a balanza temática.
Introducción Xeral
Se o Estatuto inclúe algunha referencia histórica e ao carácter nacional de Galicia, máis alá do "comunidade autónoma de España", deberíase aludir á especial relación con Portugal como antigas pólas dun mesmo tronco, aínda que só sexa no tocante ao cultural e lingüístico.
Desenvolvemento sostible
A planificación neste ámbito deberá considerar sempre os territorios colindantes co noso país, porque moitos aspectos son comúns ou tan directamente relacionados que necesitarán de políticas compartidas. No caso da fronteira sur, a semellanza paisaxística Galicia-Minho/Tras-os-Montes é case lugar común e as posibilidades e conveniencia dalgún tipo de acción conxunta bastante claras. A industria vitivinícola podería constituír un exemplo: a ampelografía ofrece variedades comúns, probablemente a edafoloxía (non son ningún experto) perfís de solo similares, o gusto tradicional dos respectivos consumidores non está moi afastado. Sen embargo, non me parece que haxa demasiada colaboración entre os productores, nin moito menos espazos relevantes de colaboración productiva. Seguramente a inercia histórica ten bastante que ver aquí, e a iniciativa institucional pode contribuír a paliala. Aínda que, tamén é verdade, non parece demasiado adecuado que as leis vaian por diante da iniciativa social.
Ordenación do territorio
Segundo queda indicado no apartado anterior, as comarcas meridionais encontran continuidade xeográfica e, en certa medida, tamén socioeconómica nas da Região Norte. Neste ámbito rexional concreto pódese prever a implementación dalgunha instancia que aborde aspectos de planificación conxunta e, non necesariamente no marco da "política rexional europea", o establecemento de organismos supracomarcais galego-portugueses. Ademais, é ben tamén ter en conta que a política de infraestructras ten unha importante dimensión transfronteiriza.
Ordenación da Economía
Aínda aceptando que neste apartado "o verdadeiro salto vén dado polas políticas de Goberno", segundo se indica na web do Foro, favorecer a relación e intercambio entre instancias productivas e investidoras galegas e portuguesas é importante, e se cadra convén recollelo dalgún modo na lexislación. Quede como elemento para posible reflexión, porque eu non o teño moi claro.
Identidade e cultura
Algunhas claves da nosa identidade histórica encontran explicación ou paralelo na cultura portuguesa; esta, nas súas dimensións histórica e actual, constitúe fonte vizosa para nós. Tales argumentos forman parte da tradición do galeguismo en canto discurso identitario, e eu entendo que manteñen vixencia sempre que se contemplen desde a perspectiva actual, que xa non é exactamente a de Pondal nin tampouco a de Castelao. Aínda que a globalización ofreza elementos de confusión e mesmo perigos, o contacto entre identidades non só é inevitable senón factor enriquecedor. Os lazos con Portugal, nese sentido, deben sobardar o nivel de artistas e axentes culturais e facerse sociais de longo alcance, nacionais. Hai bases para superar vellos prexuízos e beneficiarnos dun tipo novo de relación. Por outra banda, urxe concibir maiores espazos de encontro coas culturas non europeas de expresión portuguesa: aí, o discurso de globalización, mundialización e relación entre culturas adopta (ou debe xerar) discurso de xenuíno interese galego.
Ensino e investigación
Tendo en conta todo o que nos relaciona, a colaboración no ámbito I+D+i adquire carácter de prioridade. No campo concreto do ensino, sería necesario optar polo fomento do coñecemento mutuo, como comezo e base permanente dunha acción en mutuo beneficio. Xeografía, historia, cultura e sociedade portuguesas deben pasar a ser familiares para os cidadáns galegos, e para conseguir iso deben formar parte do catálogo de contidos impartidos no ensino obrigatorio, integrados nas materias curriculares correspondentes. O caso da lingua é particular; tendo en conta as reais posibilidades de que un galegofalante (ou simple coñecedor do idioma galego) adquira competencia máis ca básica en portugués –e tamén a importancia internacional deste- é aconsellable considerar o fomento da súa aprendizaxe cuestión estratéxica, polo valor engadido que supón para os cidadáns galegos tanto en termos culturais coma socioeconómicos. O portugués como materia optativa xa existe no catálogo escolar; débese atender particularmente á promoción desa materia e establecer coa administrtación lusa a política de acordos e convenios necesaria de cara a propiciar unha alta calidade didáctica. Así mesmo, débese desenvolver unha política tendente a facilitar a súa aprendizaxe por adultos.
Política lingüística
En efecto, tal como se indica na web, as urxencias neste aspecto débennos facer pensar en actuacións prácticas e socialmente internas: precísase acción galega, máis ca intercambios. Así e todo, a existencia e dimensión do portugués como lingua xemelga, a importancia que recae no mundo actual sobre o coñecemento de linguas, o seu carácter de auténtico valor engadido individual, todo isto xoga obxectivamente a favor do galego. Puntualizalo, facelo ver, incluír un achegamento ao portugués nos currícula escolares de lingua galega pode (coido que debe) constituír punto importante nas políticas de planificación e normalización lingüística.
Espazo audiovisual
Sería importantísimo facilitar a recepción de emisións televisivas portuguesas e estimular o intercambio de productos audiovisuais co mundo lusófono (aínda que iso teña unha dimensión en gran medida comercial). Aparenta que isto non pode máis ca enriquecer a capacitación, a autonomía individual, o perfil cultural dos galegos e tamén, xaora, redundar en interese mutuo dos profesionais dun e outro ámbito. O "impacto cultural" sería notable (e cualitativamente positivo); a difusión "da nosa visión do mundo e dos nosos valores" (copio literalmente da web) grandemente estimulada.
Sociedade da información
Probablemente sexa este un dos espazos de traballo máis ambiciosos (e se cadra máis complexos) de todos os que o Foro Social estableceu. Pode ser tamén, sen dúbida, un dos que marquen diferenzas. Éme neste momento realmente difícil de abranguer, se posible, pero algo se pode intuír a partir do indicado no apartado anterior, e iso é o que suxiro: a relación e hábito de traballo con e nas redes portuguesas e lusófonas ampliaría moitísimo as posibilidades dos galegos. Experiencias xa existentes demostran na práctica o que noutros ámbitos andamos aínda, máis ben, a indicar teoricamente con afán de convencer: a intercomprensión lingüística, a psicolóxica e a sociolóxica son grandes; as posibilidades de colaboración que ofrecen a Internet e outros medios resultan beneficiadas; todo isto redunda en vantaxes e consecucións reais. Urxe estimulalo considerándoo cuestión estratéxica.
Proxección internacional
Pouco queda que engadir. Así e todo, parece claro que todo o anterior se vería favorecido cunha política real de relacións internacionais por parte das institucións galegas, autónoma e viable. Galicia necesita, para quen subscribe, facerse algún lugar no mundo, con imaxe propia e capacidade de actuación. Ignoro se hai posibilidades de establecer algún tipo de relación bilateral co Estado portugués ou con outros, que sería a situación desexable. Supoño que, en todo caso, o que se pode é implementar unha política o máis institucionalizada posible en tal sentido, e o Estatuto debería recollelo dalgunha maneira.
Sexa como for, a máis de fomentar a interrelación de institucións civís de ámbito específico (coma a Real Academia Galega e outras) con homólogas dos outros países, sería ben ver de establecer algún contacto ou protocolo de relación estable coa Comunidade de Países de Lingua Oficial Portuguesa (CPLP). Adecuadamente explicado (incluíndo na argumentación razóns tanto culturais coma de interese socioeconómico) non debería espertar maiores susceptibilidades lingüísticas.
Galicia, outono do 2004
Xosé Manuel González Pérez

Con resposta de:

Prezado Xosé Manuel,

Moitas grazas pola súa proposta. Acaba xa de ser enviada a todos os redactores do proxecto para a súa toma en consideración.

Un saúdo.

Foro Novo Estatuto - Comunicación
comunicacion@novoestatuto.com
628.262.758
http://www.novoestatuto.com

« Voltar

 

© 2004, FORO NOVO ESTATUTO