MARCELINO FERNÁNDEZ MALLO
"Paréceme un texto espléndido, ilusionante, acadábel e xusto"
Directivo do sector financeiro
Marcelino Fernández Mallo (A Coruña, 1961) confía en que o novo Estatuto nos faga recuperar a autoestima como pobo. Cre necesaria a súa reforma urxente "para poder decidir o noso destino, para non seguir baixo a tutuela do Estado".
- Cre que é necesario un novo Estatuto para Galiza? Por que?
- É fundamental: para non quedarmos atrás, para acordar, para poder decidir o noso destino, para non seguir baixo a tutela do Estado, para poder facer unha estrada cando é necesaria sen termos que solicitar a autorización do Ministerio correspondente, para poder defender os nosos sectores básicos, para resolver de vez as eivas que temos.
- Que lle parece o texto de Bases que redactou o Foro Novo Estatuto?
- En xeral pareceume espléndido, ilusionante, acadábel e xusto. Identifícome con ela como galego orgulloso da miña condición e da nosa cultura e historia como pobo e na confianza dos beneficios que para o noso desenvolvemento como país terá un autogoberno real dentro das estruturas do Estado e a Unión Europea. Aínda que se cadra boto en falta un achegamento máis explícito e determinante fronte ao principal problema para o noso pleno desenvolvemento: o binomio caciquismo - clientelismo. Outra cuestión é que non estou seguro de que a mención a certos territorios lindeiros con Galicia sexa oportuna.
- Que lle gustaría que incluíra un novo Estatuto?
- Moitas cousas, velaquí algunhas delas. Normas específicas contra o caciquismo, como por exemplo: límite dos anos de mandato na administración, os organismos e empresas públicas, outras entidades de dependencia lexislativa...; xulgado propio anticorrupción; policía propia con máis medios e funcións; potenciación dos servizos de auditoría. Promoción e implantación de proxectos tecnolóxicos e de I+D+I con participación pública ante a insuficiencia das iniciativas privadas. Garantía de aplicación do galego como o idioma prioritario en Galicia e a súa traslación ás comunicacións das administracións de Galicia, ao comercio, as finanzas, a sinalización urbana...; a inmersión no galego do ensino; a promoción cultural e do idioma nos medios de comunicación social, especialmente da RTVG, así como a dotación de "axentes da lingua" para garantir o tratamento axeitado, e correcto, ao galego nos medios. Promoción importante dos recursos rurais, proxectos I+D+I no agro, granxas escola como medio de achegamento dos rapaces galegos ás súas raíces e como parte obrigatoria do ensino en Galicia. Imposición de criterios estéticos tradicionais no urbanismo, organización territorial atendendo a usos preferentes (industrial, turístico, caza e pesca, forestal, ...). Outros de menor importancia, como a promoción dos deportistas galegos dende rapaces, e o seu apoio e seguemento nos seguintes niveis ate a alta competición (mesmo que se poida evitar a desfeita que resulta ver os equipos galegos sen xogadores galegos).
- No que atinxe ao seu eido profesional e aos seus intereses, que cambios lle gustaría que se producisen?
- Están contidos da pregunta anterior e pódense resumir nunha soa frase: gustaríame que o Novo Estatuto contribuíse a formar un modelo de país con futuro e esperanza e a recuperar o orgullo e a autoestima como pobo, isto é, como proxecto colectivo.
- Para vostede, en xeral, cales son os problemas máis graves que padece Galiza hoxe en día?
- O primeiro, o caciquismo imperante en todos os eidos, o que provoca parálise, ineficiencias e desleixo xeral. A falla de dinamismo económico, a crise permanente dos sectores básicos, o desartellamento territorial, a diminuta actividade I+D+I, a falta de criterios orzamentarios e a dependencia financeira, todo o cal se traduce na emigración da xente nova preparada, unha das grandes traxedias do país que está a hipotecar o noso futuro. Outra eiva fundamental: o abandono do noso idioma, da nosa cultura e do noso patrimonio monumental. En xeral: a falta dun modelo propio de país.
« Voltar