Foro Novo Estatuto

"Cómpre un novo modelo de relación co Estado"
LOIS CASTRO

"Cómpre un novo modelo de relación co Estado"

Profesor de primaria (Tanzania)

Lois Castro (París, 1975) é un gaiteiro de Trives que agora vive e traballa en Arusha (Tanzania), en terra dos Masai. Desde as faldas do Kilimanjaro pide un novo modelo de relación co Estado, "baseado no recoñecemento do pobo galego como soberano", e máis diñeiro para a educación, especialmente para novas tecnoloxías.

- Cres que é necesario un novo Estatuto para Galiza? Por que?
Si. Superados os anos da denominada "transicion", nos cales houbo que chegar a un acordo, coa ameaza do exército e dos sectores mais reaccionarios do franquismo, é tempo de avanzar no autogoberno. É tempo de que Galiza asuma novas competencias e de que dea un paso máis á fronte cara a autoxestión. Casos coma o do Prestige puxeron ao descuberto a desidia que o goberno do Estado ten con Galiza. É tempo de que asumamos máis competencies, xa que esta bastante claro que desde Madrid non se xestionan adecuadamente.
Por outra banda, é tempo de que se defina claramente o que é Galiza. Basta de ambiguidades como "Comunidad autonoma" ou "Nacionalidad historica". As cousas hai que chamarlles polo seu nome: nación.

- Que che gustaría que incluíra un novo Estatuto?
O recoñecemento a todos os efectos de Galiza como nación (con todas as súas consecuencias a nivel legal), e un novo modelo de relación co Estado, baseado no recoñecemento do pobo galego como soberano. (Por pedir que non quede!)

- No que atinxe ao teu eido profesional, que cambios che gustaría que se producisen?
Un forte aumento na partida orzamanteria adicada á educación, especialmente no eido das novas tecnoloxías. Tamén, o recoñecemento do galego como lingua vehicular da educación: unha política de inmersión lingüística na educación.

- Para ti, en xeral, cales son os problemas máis graves que padece Galiza hoxe en día?
1-Paro e precariedade laboral
2-Caciquismo e clientelismo
3-Politicas erradas: falta de investimento en I+D, desmantelamento progresivo do campo e da pesca, etc…
4-Manipulación e falseamento da información
5-Falta de alternativa política (PSOE e BNG non parecen unha alternativa seria para a maioría da poboación).

« Voltar

 

© 2004, FORO NOVO ESTATUTO