ENTREVISTA NA NOSA TERRA
Fernández Roxo: "A cohesión é un labor de toda a sociedade e non só das administracións"
O semanario A Nosa Terra vén de publicar unha entrevista a Xosé Antón Fernández Roxo, economista social ecoordinador da área de 'Cohesión Social' do Foro Novo Estatuto. Reproducímola aquí polo seu interese:
- O actual Estatuto recolle varios principios básicos de cohesión social. Para que é necesario reformalo?
- A cohesión social está perfectamente entendida no novo Estatuto pero cómpre profundizar neste aspecto porque en vintecinco anos a sociedade mudou moito. As características da emigración e da inmigración mudaron, tamén o fixeron o equilibrio territorial entre o interior e a costa, a concepción dos dereitos de xénero e a solidariedade interxeracional. O que hai que ter moi claro é que non imos poder falar de cohesión social sen ter en conta o financiamento.
- Todos os relatores coinciden en sinalar que é o tema clave. Tiveron en conta o financiamento á hora de definir os dereitos e as prioridades en materia de cohesión social?
- Nós encargámonos máis da parte dos gastos que da dos ingresos, aínda que si que tivemos en conta cales eran as nosas prioridades. Optamos por un sistema que garanta uns mínimos de cohesión social en todas partes. Dende esta perspectiva hai que conectar a cohesión social coa ordenación do territorio para que non exista unha fragmentación de Galicia que siga potenciando que nunhas partes haxa uns servizos de atención primaria que non existen noutros lugares. Por iso dicimos que a cohesión debe organizarse dende un mesmo centro para que se avalíen as necesidades dende unha mesma óptica e poidamos garantirlle unhas coberturas mínimas a todos os galegos por igual, porque até agora non acontece deste xeito.
- A Fundación Iniciativas XXI propón neste sentido a creación dun Instituto Galego de Asistencia Social como organismo coordinador?
- A necesidade de unificación de criterios é clara. Pode darse o caso de que se seguimos así non sexamos capaces de fixar poboación no futuro debido a que existen concellos con maior grado de coberturas asistenciais. Por iso é positivo a creación dun Instituto Galego ou de calquera outro organismo que unifique criterios para todo o territorio.
C- ales serían as prioridades en materia de cohesión social?
- Temos que impulsar a colaboración entre os axentes sociais e as institucións. Para nós é fundamental seguir o modelo de asistencialismo social europeo no que a sociedade civil mediante asociacións colabora coas institucións para garantirlle unha cobertura a todo o mundo. Polo tanto, a cohesión non sería só responsabilidade da administración pública, aínda que teña o papel principal. En segundo lugar, hai que buscar unha igualdade de oportunidades reais entre todo o mundo. Até agora este principio está recollido pero non se desenvolveu de maneira axeitada e leva a que por exemplo a mocidade, que é o noso valor máis activo, non se asente no territorio e emigre porque non ve claro o seu futuro. Outro aspecto sería a atención dun galego tanto dentro como fóra do noso territorio. Tema que levaría a debater en profundidade sobre o tema da galeguidade. Tamén hai que ver que tipo de coberturas se lle deben garantir á xente que chega de fóra. En cuarto lugar hai que ter en conta o desenvolvemento comunitario vendo por exemplo como se poden atender as necesidades da educación non regulamentada dos nosos fillos. Avogamos pola creación dunha rede de asociacións que se encarguen de ofertar unha serie de actividades relacionadas coa educación non formal. Por último, cómpre idear mecanismos para que aquelas persoas con problemas de integración social vaian incorporándose e normalizando a súa situación a través de empresas de economía social ou de emprego protexido.
- A este respecto critica que até agora se está traballando moito con políticas pasivas (axudas directas sen ningún tipo de contrapartida)?
- O actual modelo de cobertura é pasivo. Danse axudas como a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) ou outras axudas a colectivos étnicos que son necesarias pero que non estimulan a quen as percibe a incorporarse á sociedade, que debería ser o fin último. As políticas activas consistirían en ofrecer incentivos para que os colectivos marxinados sentisen a necesidade de integrarse. Na nosa opinión esta situación só se consigue dando un posto de traballo, de maneira que unha persoa poida sentirse útil. Por iso é tan importante o desenvolvemento económico.
« Voltar