ENTREVISTA EN A NOSA TERRA
Francisco Constenla: "É falso que Galicia teña que ser un país subvencionado"
O semanario A Nosa Terra vén de publicar unha entrevista con Francisco Constenla, o coordinador da área de Facenda Galega do Foro Novo Estatuto e autor da proposta económica que se reflicte nas Bases. Reproducímola aquí polo seu interese.
É profesor en excedencia da Universidade de Santiago e vocal no Consello de Contas. Vén de coordinar o apartado de financiamento autonómico do Foro para a Reforma do Estatuto encargada polo BNG, no que se aposta por un modelo de responsabilidade fiscal plena. É dicir, que o gasto da Xunta sexa igual ao que se recada en materia de impostos en Galicia.
- Como valora o traballo do Foro para un Novo Estatuto?
- Foi moi estimulante dende un punto de vista intelectual, xa que fixo que repensásemos as cousas dende Galicia. Había diferenzas ideolóxicas entre os que traballamos no proxecto, pero as discusións foron sempre moi enriquecedoras e non resultou difícil chegar a un acordo. Por iso penso que o froito do noso traballo é asumíbel por todos os partidos. Agora tócalles a eles sentarse a debater.
- No relatorio afirman que o actual modelo de financiamento ten numerosas eivas. Cales son?
-O actual modelo estatal baseábase inicialmente no principio de progresividade, que constituía un compoñente da equidade fiscal. Pero a evolución posterior cara ámbitos de regresividade, unido á propia evolución da sociedade nos últimos anos, cun envellecemento grande, fai que o criterio da poboación no poida ser o único aplicábel para as asignacións de financiamento tal e como se recolle actualmente. O sistema de corresponsabilidade parcial que está en vigor non ten xerado os suficientes recursos como para cubrir as necesidades de gasto público de Galicia. O problema é que se baseaba sobre todo en repartir unha porcentaxe do Imposto Sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). Nun país coma o noso, que conta cunhas condicións económicas diferentes en termos negativos, este criterio é imposíbel que contribúa ao desenvolvemento porque non consegue acadar o principio básico de calquera modelo de financiamento: a autonomía fiscal (ter para gastar o que se orzamenta). Non hai máis que ver como o actual modelo de corresponsabilidade fiscal ampliado só serve para cubrir algo máis do 35% do gasto público galego no 2002.
- Afirma tamén no relatorio que o modelo actual deixa a Galicia cun nivel de financiamento inferior ao de autonomías que non se definen como nacionalidades.
- No financiamento autonómico actual non se teñen en conta os criterios diferenciais á hora de asignar recursos, como son as cuestións lingüísticas e culturais, o envellecemento da poboación ou a dispersión do hábitat entre outros.Este sistema ten provocado que non só non se prime positivamente o carácter de nacionalidade histórica de Galicia, senón que provocou que comunidades que inicialmente non aspiraban a un nivel de autonomía coma o noso, agora teñan proporcionalmente máis recursos para gastar, e polo tanto poidan xestionar máis competencias ca nós e ofrecer servizos públicos de maior calidade.
« Voltar