PROPOÑEN UN AMBICIOSO PASO ADIANTE NO AUTOGOBERNO
Xa poden baixar as Bases para un Novo Estatuto de Galiza
Os expertos veñen de rematar o seu labor. O Foro Novo Estatuto entregoulle o sábado 26 de febreiro ao BNG nun acto público as súas Bases para un Novo Estatuto de Galiza, que propoñen un ambicioso paso adiante no autogoberno. O proxecto establece que os poderes emanan do pobo galego e que "Galiza, na súa condición de nación, intégrase libre e paccionadamente como comunidade autónoma na estructura política plurinacional do Estado español", tal e como reza a súa Base Preliminar.
As Bases elaboradas por este grupo de intelectuais, entre os que se encontran Xosé Luís Barreiro, Pablo González Mariñas, Víctor Freixanes ou Ramón Villares, propoñen unha importante mellora dos instrumentos de autogoberno, tanto en aspectos xurídicos, como competencias exclusivas ou o propio sistema de financiamento público, enmarcado todo isto nunha estructura plurinacional do Estado, tal e como se define no preámbulo:
"(…) Convencidos de que o dereito ao autogoberno é de natureza fundamental, que non pode ser outorgado nin limitado, os galegos e galegas declaramos a nosa libre e lexítima vontade de integrármonos na estructura plurinacional do Estado español, aceptando un acordo constitucional de interpretación dinámica, evolutiva e aberta. (…)"
No plano xudicial o documento de Bases presenta importantes avances, indicando que a organización xudicial galega rematará en todas as súas instancias no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), agás o disposto en materia de garantías constitucionais, e asumirá todas as competencias da actual Audiencia Nacional. Do mesmo xeito, o Tribunal Supremo só podería actuar en cuestións referidas a Galiza resolvendo recursos de casación por unificación de doutrina para os casos nos que só se aplique o Dereito estatal.
Corresponsabilidade fiscal
Unha das cuestións máis importantes deste proxecto é o grao de soberanía financeira que propón. Trátase dun sistema de corresponsabilidade fiscal incardinable no sistema español e europeo que pretende superar, segundo o coordinador da área de Facenda deste Foro, Francisco Constenla, "o atraso económico ao que nos levou a lóxica do modelo económico e fiscal vixente".
O seu obxectivo é conseguir a medio e longo prazo unha facenda que garanta a suficiencia dos ingresos públicos necesarios para financiar a totalidade do gasto público. "Aspiramos a ser maiores de idade", di Constenla, "polo tanto, a profundizar nos mecanismos que fortalezan a nosa independencia financeira, isto é, os que permitan consolidar a través do exercicio da nosa soberanía fiscal as posicións máis próximas a unha autonomía tributaria plena que serva para superar os elevadísimos niveis de dependencia financeira que se derivan do modelo actual".
Novo modelo territorial
Outra das cuestións que o texto debuxa é un novo modelo territorial, que propugna a desaparición das provincias –ou o seu baleiro de contido- para estructurar o país en base a comarcas no rural e áreas metropolitanas nas cidades, ademais de reducir "de forma notoria" o número de concellos de cara a buscar unha administración máis eficaz.
En canto a cultura se refire, queremos salientar a obrigatoriedade do coñecemento do galego para todos os cidadáns, incluíndo os xuíces. Ademais, o texto inclúe o mandato de promocionar a lingua nas zonas galegofalantes do Eo-Navia, Bierzo, As Portelas e o Val de Xálima, potenciando asemade os lazos económicos e culturais con estas zonas a través de convenios de diverso tipo.
Enlaces relacionados
- Bases para un novo Estatuto de Galiza
« Voltar