| 1 | Galiza é unha nación que se integra libremente na estructura plurinacional do Estado español. |
| 2 | Os poderes de Galiza emanan do Pobo galego. A autonomía política de Galiza nace do lexítimo exercicio dun dereito colectivo e non dunha concesión estatal. |
| 3 | O galego é a lingua nacional, oficial e propia de Galiza. Todos os cidadáns e cidadás teñen a obriga de coñecelo e o dereito a usalo. |
| 4 | A actividade económica será compatible cun modelo de desenvolvemento sostible. Inserida no marco da economía social de mercado, terá como referente esencial o Estado do Benestar. |
| 5 | Unha democracia solidaria. Os poderes públicos impulsarán un espazo social baseado nos principios de solidariedade, igualdade e cohesión social; así como políticas de xénero para acadar unha igualdade real de oportunidades entre mulleres e homes. |
| 6 | O Poder xudicial contará con órganos propios. O Consello Xudicial de Galiza será o seu órgano de goberno e o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o órgano xurisdiccional superior na Comunidade Autónoma, asumindo tamén as competencias da Audiencia Nacional. |
| 7 | Galiza dotarase dun novo modelo territorial, creado mediante o diálogo con todos os actores sociais, que conlevará un redimensionamento municipal e a creación de comarcas no rural e rexións urbanas nas cidades, así como un tratamento específico para os espazos metropolitanos, baleirando de contido as provincias. A esta estructura acomodarase unha flexíbel ordenación do territorio. |
| 8 | Galiza terá capacidade para actuar na escena internacional e dereito a participar nos asuntos que lle atinxan en calquera órgano da Unión Europea. Crearase un Instituto que teña por obxecto a difusión e extensión da cultura galega no exterior. |
| 9 | O modelo de financiamento basearase na autonomía financeira e na responsabilidade fiscal plena, sen prexuízo do mantemento dos necesarios fondos de de redistribución, tanto no ámbito estatal como europeo. O sistema fiscal orientarase polos principios de equidade e progresividade, contando Galiza cunha Administración Tributaria propia. |
| 10 | Toda a cidadanía galega ten dereito ao coñecemento. É fundamental para o futuro e o benestar do país a mellora do ensino e da investigación, así como o acceso de toda a cidanía á sociedade da información. |